Almudena Otero Villena: A lingua que flúe: entre a alteridade e a modernidade da Idade Media

 

 

SEHM 2017-12-13 cartelPechamos este ano 2017 de seminarios fascinantes cunha temática moi especial que nos invita a mergullarnos na filosofía medieval e na mística. Almudena Otero Villena que ven de presentar o seu libro de ensaio filosófico “‘Ayn: o ollo e a fonte” describe así a súa proposta para este mes de decembro:

En 1977 o medievalista Hans Robert Jauss publicou Alterität und Modernität der mittelalterlichen Literatur (Alteridade e modernidade da literatura medieval), un libro que no seu momento tivo unha notable repercusión en Alemaña. Jauss explica aquí que o noso achegamento á Idade Media está marcado pola súa alteridade: a distancia que nos separa, a estrañeza que nos produce. Mais no gozo estético que nos provoca a lectura dun texto medieval podemos descubrir tamén a súa modernidade, recoñecernos nel. Seguindo a Hans Ulrich Gumbrecht, poderíamos dicir que na experiencia estética a obra se fai presente, superando calquera distancia. Movémonos, así, da outredade á identificación. Do outro por excelencia, de deus, fala precisamente Mechthild von Magdeburg, mística do século XIII, no seu libro Ein vliessende lieht der gotheit. Mechthild  fala de deus, pero as palabras que escribe son -afirma- a mesma voz da divindade, porque ela mesma devén deus. A escrita é aquí lingua que flúe: que salva a distancia co outro e supera a alteridade.

 

Esperámosvos o mércores 13 de decembro no Salón de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia ás 19h. 

Anuncios