Seminario de marzo: Cultura manuscrita na Galiza baixomedieval.

SEHM 2017-03-30 cartel

Ricardo Pichel Gotérrez apreséntanos os últimos avanzos no traballo de edición e estudo interdisciplinar de textos medievais, especialmente no campo da prosa non documental, redixidos na Galiza dos séculos XIII-XV. Tradicionalmente os estudos na lírica medieval galego-portuguesa teñen copado a atención dos estudosos en filoloxía medieval, ficando no esquecemento nos últimos anos, en maior ou menor medida e salvo honrosas excepcións, os distintos procesos de creación, copia, tradución ou compilación dos grandes xéneros literarios, historiográficos, xurídicos ou técnicos da nosa produción manuscrita baixomedieval. Por esa razón, parece útil trazar un panorama xeral e actualizado dos estudos centrados na prosa medieval galega, e en particular daquelas obras que aínda están pendentes de edición e/ou dun estudo interdisciplinar exhaustivo, permitindo así contribuír ao maior coñecemento da nosa cultura manuscrita medieval, non só do punto de vista cuantitativo e cualitativo dos textos e testemuños conservados, mais tamén en relación cos padroados implicados e coas sinerxías socioculturais estabelecidas no espazo galego-portugués e castelán.

Esperámosvos o xoves 30 de marzo, na sala D01 da Facultade de Filoloxía, ás 16:00.

 

 

 

 

Anuncios