Seminario de febreiro. Cancións de amor e de escarnio: instantáneas de vidas trobadorescas.

A doutora Déborah González Martínez, da Universidade de Santiago de Compostela, impartirá o seminario de febreiro, o xoves, día 25, ás 19:00. Como é habitual, reunirémonos na sala de profesores da Facultade de Xeografía e Historia (USC).

Nesta sesión, proponse unha viaxe con destino á época do trobadorismo galego-portugués. Falaremos de cantigas, como se fosen instantáneas que rexistrasen e testemuñasen tanto grandes feitos históricos como lixeiras anécdotas triviais. Servindo de apoio para o investigador deste movemento lírico peninsular, as cantigas galego-portuguesas poden rexistrar indicios útiles a propósito dos axentes trobadorescos ou dos personaxes retratados ou implicados nesas composicións en cuestión.

Máis concretamente, comentaranse dúas cantigas transmitidas no Cancioneiro da Biblioteca Nacional (cod. 10991), identificadas como B 366bis e B1560, e que deben ser ambas contempladas no estudo da traxectoria biográfica e trobadoresca de Fernan Fernandez Cogominho.

cantigas

Anuncios